AVV O CHEDEIRO CO ALCALDE
A Asociación de Veciños O Chedeiro mantivo onte unha reunión co Alcalde de Pontevedra e a Concelleira do Rural.
Onte tivo lugar no Excm. Concello de Pontevedra, unha reunión entre a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira Mª Xosé Abilleira Novo. En representación da asociación acudiron a presidenta, Liliana Casás, a vicepresidenta, Ángeles Tourón, e o secretario, Juan José Esperón.
A xuntanza comezou coa felicitación dos membros da asociación ao alcalde polos seus 25 anos á fronte do Concello de Pontevedra, aproveitando tamén para lembrar que a Asociación de Veciños O Chedeiro cumpre este ano o seu 44º aniversario.
A continuación, tratáronse varios temas de interese para a asociación, como o avance do proxecto de alcantarillado, no que se anunciou o inminente enganche das vivendas á rede de saneamento este mesmo mes, así como a seguridade viaria e os problemas de tráfico no lugar de Leborei, onde se colocarán novas sinalizacións nos próximos días.
Porén, os dous temas principais tratados na reunión foron, por unha banda, a solicitude de traspaso do tramo antigo da N-550 situado en Tilve, onde se atopa a Ponte Malvar (do século XVIII), e por outra, a recuperación dos terreos do antigo vertedoiro de O Rapadiño. A asociación demanda que este espazo se transforme nun lugar de lecer para a veciñanza, devolvéndolle a dignidade á parroquia de Cerponzóns, que durante anos sufriu o impacto do vertedoiro, que chegou a albergar 400.000 toneladas de lixo.
O alcalde amosouse moi receptivo ás peticións da directiva de O Chedeiro, e as súas palabras foron claras e concisas en relación ao traspaso do tramo antigo da N-550 e á apertura de O Rapadiño para o uso da veciñanza: “Si, o temos que facer”.
A reunión rematou coa entrega ao alcalde dos dous primeiros tomos de “Aller de Cerponzóns”, un traballo realizado polo secretario da asociación, no que se recollen todas as noticias relacionadas coa parroquia de Cerponzóns publicadas na prensa escrita entre os anos 1852 e 1959.