ROGAMOS ASISTENCIA.
Convocatoria para a Asemblea Xeral da Asociación de Veciños/as O Chedeiro
Estimados socios e socias,
Dirixímonos a vós coa máxima seriedade para lembrarvos a importancia de asistir á próxima asemblea xeral que terá lugar o día “30 de novembro”, ás 18:30 horas no Centro Social.
A participación activa dos socios e socias é fundamental para que esta asociación siga adiante. Representamos a voz de todos os veciños e veciñas ante as institucións, e esa responsabilidade non pode recaer só nun pequeno grupo. Se non actuamos xuntos, quen nos defenderá mañá? Preferides que a asociación desapareza por falta de apoio?
Sabemos que os compromisos cotiáns poden dificultar a asistencia, pero pedimos que fagades ese pequeno esforzo. Se non podedes vir, animade a outro membro da vosa familia a acudir no voso lugar. Este é un asunto que nos afecta a todos, tanto ás xeracións actuais como ás futuras.
Necesitamos que os máis novos tamén estean presentes. Algún día serán eles os que collan o relevo, e para iso deben comezar a implicarse agora. A falta de participación será a razón pola que esta asociación poida deixar de existir, e coa súa desaparición perderemos unha ferramenta clave para defender os nosos dereitos como comunidade.
Este día, máis ca nunca, a directiva necesita o voso apoio. Non permitamos que a indiferenza poña en risco o futuro de O Chedeiro. Contamos con todos vós para seguir construíndo unha asociación forte, unida e representativa.
Vémonos o día 30. Fagamos valer a nosa voz.
Un saúdo,
A Directiva de O Chedeiro