Denuncia sobre o mal funcionamento do servizo de correspondencia en Cerponzóns
A veciñanza da parroquia de Cerponzóns leva meses soportando unha situación insostible co servizo de reparto da correspondencia. Día tras día acumulamos queixas pola tardanza, polos erros constantes na entrega e mesmo pola perda de documentos importantes. Un servizo que debería ser básico e eficiente converteuse nun motivo de preocupación e indignación para toda a comunidade.
Desde a Asociación Veciñal O Chedeiro, decidimos poñer fin a este silencio forzado. Contactamos con diversos medios de comunicación, como a TVG, que se fixo eco desta problemática en tres programas diferentes. A nosa intención é clara: que esta denuncia chegue a todas as administracións, entidades e organismos responsables, para que dunha vez por todas tomen as medidas necesarias para solucionar este problema.
Estamos fartas e fartos. Non podemos permitir que un servizo público de tanta importancia funcione deste xeito tan deficiente. Falamos de cartas oficiais, citas médicas, facturas, notificacións administrativas… Elementos esenciais que condicionan o día a día das persoas e que, polo mal funcionamento deste sistema, chegan tarde ou, directamente, non chegan.
Reclamamos responsabilidade e acción inmediata. As administracións deben asumir o seu papel e garantir un servizo de correos digno e eficiente. A veciñanza de Cerponzóns non merece esta deixadez nin este abandono. Seguiremos denunciando, alzando a nosa voz e reivindicando os nosos dereitos, porque xa abonda de soportar unha situación que nos prexudica a todos e todas.
Queremos solucións, e as queremos xa.
Damos as grazas a veciñanza que estivo no dia de hoxe connosco para denunciar cada un os seus casos.

