45 ANIVERSARIO DA AVV O CHEDEIRO

45 ANIVERSARIO DA AVV O CHEDEIRO

DÍA EUROPEO DO VECIÑO — 45 ANOS DE UNIDADE EN CERPONZÓNS


O próximo venres celebrase o Día Europeo do Veciño, en Cerponzóns temos moito que celebrar, moito que lembrar, e moito polo que estar orgullosos. Porque fai exactamente 45 anos, un 10 de xuño de 1980, nacía a Asociación de Veciños O Chedeiro, coa vontade firme de unir á veciñanza por un ben común. Á fronte, como primeiro presidente, o noso veciño Manuel Alvite, home de palabra e feitos.


Dende aquel intre, moitas portas se abriron grazas á forza da unión. Non pasaron nin dous anos cando, tal día coma hoxe (28 de maio de 1982), déronse dous pasos fundamentais para o futuro da parroquia: a creación da Xunta Provisional de Montes, presidida por Francisco García, e a elección dunha nova directiva da asociación, liderada por Juan Manuel Fernández.


E pouco despois, o 9 de xuño de 1982, outra data para marcar en pedra: unha asemblea veciñal cun único punto na orde do día, claro e conciso: crear un campo de fútbol para Cerponzóns. Un soño que, con esforzo, diálogo e sentido común, rematou por facerse realidade coa aprobación da propia Federación Galega de Fútbol.


Todo isto foi posible grazas á unidade, á disposición de axudar, á colaboración sen mirar a quen, e sobre todo, ao orgullo de pertencer a unha parroquia que se move, que loita e que constrúe.


Porque cando a xente se xunta polo ben común, non hai quen nos pare.


Pero non chega con ter boa vontade. Para que as cousas funcionen, hai que estar organizados, participar activamente e formar parte do colectivo. As ideas son importantes, pero sen mans que as leven a cabo, fican no aire. Por iso, facerse socio da Asociación de Veciños O Chedeiro é un xeito sinxelo pero poderoso de apoiar a parroquia, de estar informado, de decidir, de propoñer e de construír xuntos o Cerponzóns que queremos. A unión non se predica: practícase.


Agora ben… tamén é certo que, ao longo destes anos, non faltaron os de sempre, os que van por detrás das silvas, polos camiños e congostras, murmurando e sementando dúbidas. Os que falan mal da súa propia parroquia nas redes como quen bota sal nunha ferida. Eses que sempre teñen un “non” preparado antes de escoitar un “si”, que ven problemas onde hai solucións e que, en vez de arrimar o ombreiro, prefiren mirar como traballan os demais dende a sombra dunha parra ou detrás dun teclado.


Pero en Cerponzóns xa nos coñecemos todos, e sabemos ben que a retranca tamén é unha forma de defensa. Así que, a eses, só lles dicimos: as portas seguen abertas, pero para construír, non para derrubar.


Por iso, brindamos polos que suman, polos que soñan, polos que fan e polos que creen. Por aqueles que, hai 45 anos, deron o primeiro paso. E polos que hoxe seguen a dar outros tantos.


Que viva a forza da veciñanza unida!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *