RECOÑOCEMENTO NO CONGRESO DOS DEPUTADOS

RECOÑOCEMENTO NO CONGRESO DOS DEPUTADOS

 

 

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN VECIÑAL O CHEDEIRO DE CERPONZÓNS ANTE O HISTÓRICO RECOÑECEMENTO DO MOVEMENTO VECIÑAL NO CONGRESO DOS DEPUTADOS

 

Desde a nosa asociación veciñal, integrada na Federación de Asociacións Veciñais Castelao e, ao seu tempo, na Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE), queremos expresar a nosa máis fonda satisfacción e orgullo pola aprobación, este mércores 28 de Maio, no Congreso dos Deputados, dunha Proposición Non de Lei (PNL) que recoñece de maneira oficial o papel fundamental do movemento veciñal na construción e consolidación da democracia no noso país.

 

Este recoñecemento chega despois de máis de cincuenta anos de loita constante, traballo desinteresado e compromiso cívico, defendendo día a día os intereses das veciñas e veciños, mellorando os nosos barrios e parroquias e impulsando unha participación cidadá real e transformadora. A nosa historia é tamén a historia dunha loita pola dignidade, pola xustiza social, polos dereitos básicos e polo ben común.

 

A PNL aprobada, grazas á iniciativa do Grupo Socialista e ao amplo consenso político —con 313 votos a favor e só 33 en contra (todos do grupo Vox)—, supón un chanzo decisivo cara ao recoñecemento institucional que durante décadas o movemento veciñal mereceu e reclamou con dignidade e perseveranza.

 

A Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), á que pertencemos a través da nosa estrutura federativa, foi unha das grandes impulsoras deste avance, e a súa presenza activa no proceso de interlocución cos distintos grupos parlamentarios foi clave para acadar este fito histórico.

 

A PNL comprométese co fortalecemento do movemento veciñal a través de:

1. A promoción activa do asociacionismo como ferramenta esencial de participación cidadá.

2. O estudo dunha regulación específica que garanta dereitos e deberes das entidades veciñais no marco do respecto ás competencias autonómicas.

3. O impulso á formación e interconexión das experiencias veciñais a través de metodoloxías participativas e repositorios compartidos.

 

Reivindicamos o movemento veciñal como actor clave na cohesión social, no desenvolvemento sostible e na democratización da vida municipal. Esta PNL, aliñada coas resolucións do Parlamento Europeo, recoñece finalmente o noso papel como ponte imprescindible entre a cidadanía e as administracións.

 

Queremos agradecer tamén o traballo de todas as persoas que, ao longo destas décadas, sostiveron o movemento veciñal con constancia e firmeza. Esta vitoria é de todas elas: de quen hoxe continúa traballando desde cada asociación, de quen nos precedeu e abriu camiños, e de quen creron sempre que a participación cidadá organizada é o motor dunha sociedade máis xusta, próxima e cohesionada.

 

Hoxe, saldamos unha débeda histórica. Pero tamén abrimos unha nova etapa: a da consolidación xurídica, a do financiamento estable, e a do recoñecemento pleno das nosas funcións sociais e democráticas.

 

Desde a nosa asociación, renovamos o noso compromiso coa defensa dos intereses das nosas veciñas e veciños e coa construción dun futuro común onde o protagonismo da cidadanía sexa real, plural e transformador.

 

A loita continúa, con máis forza e recoñecemento ca nunca.

 

A Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns

FFVV Castelao – COGAVE – CEAV

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *