UNHA DATA PARA LEMBRAR
1 de xullo de 1869 — Unha data para lembrar, un día para reivindicar
O 1 de xullo de 1869, a parroquia de Cerponzóns pasou a formar parte do Concello de Pontevedra. Hoxe, 156 anos despois, desde a Asociación de Veciños O Chedeiro queremos lembrar esta data con toda a solemnidade e dignidade que merece. Non é unha simple efeméride: é o símbolo dun vencello histórico, cultural e administrativo que, malia os seus avances, segue precisando dunha atención máis fonda, máis xusta e máis comprometida.
Cerponzóns non é unha parroquia calquera. É unha terra milenaria, de identidade profunda e pegada imborrable. Somos herdeiros dun patrimonio que fala por nós: fontes que levan séculos dando vida, muíños que foron motor da economía popular, pontes que uniron camiños e xentes, leguarios que marcaban distancias e historias, sendas que atravesan ríos e montes cheos de lendas, traballos e memoria. Cerponzóns é, sen dúbida, un compendio vivo do que somos como pobo.
A incorporación ao Concello de Pontevedra trouxo avances, é certo. Melloras nos servizos, maior integración no tecido administrativo, presenza nas decisións comúns… pero tamén houbo esquecementos. E é hora de dicilo alto e claro: as parroquias merecemos máis.
Non queremos ser só un número nun mapa nin unha referencia anecdótica nunha acta municipal. Queremos que se nos coñeza, que se nos escoite, que se nos valore. Reclamamos máis presenza nas políticas públicas, maior difusión da nosa historia, máis recursos para a protección e posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial.
Por iso, propoñemos —e esiximos— ao Concello de Pontevedra a organización dun gran evento na Praza da Ferraría ou noutro espazo emblemático da cidade: unha Festa das Parroquias, unha exposición viva onde se mostre a riqueza das nosas comunidades, onde Cerponzóns e todas as parroquias teñamos voz, espazo e recoñecemento. Onde a cidade coñeza a alma que late fora do centro urbano, esa alma que tamén é Pontevedra.
Porque Pontevedra non é só a capital histórica, a cidade de pedra e arte. Pontevedra tamén somos nós: as parroquias que a rodean, que a alimentan, que a enriquecen coa súa tradición, co seu traballo, coa súa cultura, coa súa maneira de entender a vida.
Que o 1 de xullo non sexa só un recordo no calendario, senón un punto de inflexión para mirar cara o futuro con orgullo, pero tamén con decisión. Que sirva para abrir portas, tender pontes e facer da unidade entre parroquias e cidade un verdadeiro motor de progreso común.
Desde Cerponzóns, desde O Chedeiro, desde o corazón dunha parroquia con historia, patrimonio e futuro, erguemos a voz en nome de todas que pensen coma nos. Porque sen as parroquias, Pontevedra non sería Pontevedra.
AVV O CHEDEIRO de Cerponzóns
