A Concelleira de Promoción Económica presidiu…

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, xunto coa presidenta da Asc. de Veciños, Liliana Casás, presidiron o luns 11 de outubro ás 18:00 horas no aparcadoiro da igrexa de Cerponzóns o acto inaugural do Marco de Perre, unha obra escultórica realizada polo canteiro Manuel Collazo Torres e impulsada pola Asociación de Veciños O Chedeiro dentro dun proxecto para que os topónimos da parroquia non caian no esquecemento e poidan incorporarse ao noso patrimonio cultural. A instalación deste fito ou marco (pedra cavada no chan para sinalar os lindes dun terreo ou á beira dunha estrada para indicar lugares e distancias, ou ben momentos ou feitos importantes) foi posible grazas á colaboración do departamento que dirixe Blanco e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, que axudou a recuperar os antigos nomes dos lugares da parroquia.
Tal e como explicou a concelleira socialista, «o Marco de Perre é un apaixonante proxecto que comezou hai dous anos da man do canteiro Manuel Collazo e que se enmarca nas accións desenvolvidas polo colectivo O Chedeiro para defender e dar a coñecer o patrimonio cultural de Cerponzóns, entre as que se inclúen a instalación de dous cruceiros, a realización dun documental, a edición dun libro sobre a historia da parroquia, diversas charlas impartidas durante a celebración do milenio, a colocación de unha réplica do Miliario de Maxencio, a colocación de un fito informativo ao carón do Miliario (inaugurado pola propia Yoya Blanco en setembro do ano pasado) e a colaboración coa Concellería de Turismo nun proxecto relacionado co Camiño Portugués denominado O Camiño Contado». «Estamos a falar dunha parroquia milenaria, cun considerable patrimonio histórico, arqueolóxico, cultural, arquitectónico… Que non sería posible recuperar sen o esforzo da asociación veciñal», subliña a edil.
Deste xeito, O Chedeiro recolleu a testemuña deixada desde 1997 polo antigo cura da parroquia, Don Manuel Míguez, que comezaba a publicar nese ano na Voz de Rons a historia de Cerponzóns, un gran labor de investigación efectuada durante anos e que deixou unha herdanza de incalculable valor. Nun dos capítulos publicados, Míguez facía precisamente referencia a algúns nomes de pequenos lugares practicamente desaparecidos e englobados baixo denominacións máis amplas: A Cachada Vella, A Cañota, A Chan do Monte, A Cruciña de Ponte Beán, A Ponte Beán, A Ponte Pomar, Bigaixo, Cachadiña, Campo, Casa Nova de Liborei, Casás de Meán, Castelo de Cerponzóns, Cernadelo, Igrexa, Laxe de Bascuas, Liviáns, Mendo, Mogos, Mouchos de Meán, O Cimbelo, O Taral, Porrelo, Pozo de Meán, Río da Barca, Santarandán, Soutelo de Meán e Soutelo do Bravo (usándose os nomes de O Castrado, Liborei, San Caetano, Balea, A Fonteiriña, Pidre, O Vigario, O Bravo, A Costa, Meán, A Bouza, Tilve, A Rons, A Ermida e O Cunchido).

Processed with MOLDIV

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *