8 M…Irene Fernández

Este 8 de marzo, dende a Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns, queremos sumarnos aos actos de conmemoración do Día da Muller compartindo a historia dunha das nosas veciñas, Irene Fernández de Velpellós. Unha vida marcada por unha difícil situación familiar que, lonxe de intimidar a Irene coa súa dureza, soubo sacar dela esa forza que caracteriza ás mulleres valentes, amorosas dos seus, loitadoras polo que queren e que, sen pretendelo, son un exemplo e referente para todas e para todos.

Da man de Manuel Busto Galego, reproducimos o texto que escribiu con motivo do cumpreanos de Irene (30/10/2022)

IRENE FERNÁNDEZ DE VELPELLÓS

Hai biografías que cómpre visibilizar para certificar que os grandes valores da cultura ancestral seguen latentes e vivos. A biografía da miña paisana Irene Fernández, da casa de Fernandes de Velpellós ben merecería ser novelada para relatar a abnegación, a épica, a entrega, a valentía, a humildade, a resignación e a hospitalidade  das que fixo gala ao longo dos seus 83 anos, que cumpre hoxe 30 de outubro.

Naceu en Velpellós (parroquia de Vilariño-Agolada) en 1939 nunha familia labrega, a carón dos seus catro irmáns. Alí transcorreu a súa infancia, con asistencia á escola da Eirexe, rexentada por D. Belisario de Cadrón, e a primeira xuventude. Moi nova marchou a Chaín (Santiso) á casa dun tío para poder aprender o oficio de costureira naquela aldea. Mais nos seus soños ela arelaba estudar para mestra.

En 1963 casou con Pepe de Paradela (Carmoega) e marchou para Ermua, no País Vasco, onde xa estaba o seu marido e onde tiveron a súa única filla, Benedicta (Beni). Alí permanecería ao longo de once anos, ata que o seu home enfermou dos nervios e,  prexubilado por mor da enfermidade, decidiron voltar á terra e asentarse preto de Pontevedra, en Cerponzóns. Alí construíron o seu novo fogar, onde falecería Pepe, en 1978, a consecuencia da súa enfermidade. 

Viúva e con unha filla, tivo que superar o transo e afrontar o futuro que se presentaba difícil. Co seu traballo de costureira e con moita afouteza conseguiu saír adiante. Pero, a vida moitas veces é inxusta e cruel e outra muralla de dolor atrancou o seu percorrido: falece prematuramente a súa irmá Cecilia, despois dun ano de dura loita coa enfermidade. Cecilia deixa cinco nenas orfas, con idades que ían desde 1 ano  ata os 10 da maior. O pai, Álvaro, por mor do seu traballo vese incapaz para saír adiante con aquelas criaturas. Nese momento crucial aparece a tía Irene para estender o seu manto de protección e fai realidade a promesa que lle fixera á súa irmá moribunda. Deciden acoller as cinco neniñas na casa de Cerponzóns e mantelas unidas nun novo ámbito familiar. Aquela casa pasou de dous a sete membros e aínda  había de aumentar ao acoller tamén ao irmán máis novo de Irene, Fidel, e a cuñada, Pacita. A casa de Cerponzóns converteuse así en pouco tempo en acubillo agarimoso tecido con lazos familiares e un verdadeiro baluarte fronte ás moitas adversidades, que agora afrontaban en comunidade e con clara predominancia feminina.

A vida foi máis tranquila e amable a partir daqueles anos difíciles. Agora Irene vive feliz, activa e traballadora en Cerponzóns. Foi tan grande o manto de protección que tendeu sobre aquel grupo familiar que agora a vida devólvelle multiplicados a atención, o cariño e o compromiso dos seus. Quizais sen sabelo, teceu unha marabillosa rede de amor que é agora a súa salvagarda e a súa felicidade.

Todas as nais agariman os seus fillos no colo. No colo de Irene cabe un agro enteiro de protección. Os sentimentos, case arrecantados pola vertixe diaria das obrigas, indican unha entrega só medible en ferrados de amor incondicional. Irene Fernández, nese longo percorrido da vida, fíxose acreedora, sen pretendelo do cariño das súas pupilas e da xeral admiración. Tamén a miña.

As súas sobriñas Rosana, Sara, Irene, Isabel e Ángeles, lectoras asiduas das miñas publicacións, pedíronme que lle escribise este texto para a súa tía Irene (que le aquí as miñas publicacións de Agolada e que lle serve de cordón umbilical para seguir unida á terra de nacencia). Con este texto queren honrar á súa querida tía, que é a súa segunda nai, e felicitala no día do seu 83 aniversario, o 30 de outubro de 2022.

Eu adquirín o compromiso de facelo e aquí estou cumprindo co prometido. Moito dubido de que as miñas palabras estean ao mesmo nivel que o moito amor que queren expresarlle a Irene. E conformaríame con saber que lles gustou a miña crónica. 

Felicidades, Irene. Tamén da miña parte. E unha aperta para ese núcleo familiar tan cohesionado.

Felicidades Irene, de parte da veciñanza de Cerponzóns.

Asc. Veciños O Chedeiro.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *