A Deputación de Pontevedra colocou en Cerponzóns unha escultura da Escola de Cantería a semellanza do Miliario de Magnencio.
A peza escultórica elaborada polo alumnado da Escola de Cantería está inspirada no Miliario da vía romana XIX
18 de febreiro de 2020
A Deputación de Pontevedra fixo entrega o martes 18 de febreiro do 2020 da escultura do Miliario de Magnencio, peza elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra a petición da Asociación de Veciños O Chedeiro, de Cerponzóns.
A peza artística foi construída co propósito de sinalizar o miliario aparecido na parroquia de Cerponzóns. Concretamente estamos a falar do Miliario de Magnencio, que actualmente atópase no Museo de Pontevedra, onde chegou en 1938. O Miliario de Magnencio está datado entre o ano 350 e o 353, dado o seu lugar de aparición debía corresponder coa milla 93 desde Lugo da vía romana XIX.
Máis polo miúdo, a escultura, elaborado polo alumnado da Escola de Cantería da Deputación e valorada en 2.506,10 euros, trátase dunha réplica do Miliario orixinal, cunhas dimensións de 1,05m de alto e 0,50m de diámetro. Está incrustado nunha peza de base de 1m de largo por 0,70m de ancho e 0,65m de alto e leva unha lenda similar á do orixinal e unha placa cunha lenda indicativa da vía e da milla romana.